Antecedentes
A Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa-Zona Norte decidiu impulsar o turismo rural da comarca a través da iniciativa denominada Bonos de Turismo Rural, unha nova forma de promoción que facilita a comercialización conxunta dos establecementos rurais, en contraposición á promoción individual que se viña facendo ata o momento.
A través dos bonos conséguese ofrecer unha oferta de aloxamento global dos establecementos rurais do territorio, posibilitando aos empresarios dirixirse a unha nova tipoloxía de clientes, ofrecendo calidade e cantidade de aloxamentos. Ademais, incídese na desestacionalización da demanda, dado que os bonos caracterízanse polo seu uso obrigatorio en tempada baixa.
Para a implantación deste produto turístico foi necesario levar a cabo un acompañamento aos empresarios (“coaching empresarial turístico”), así como a realización do seguimento e a avaliación final da iniciativa.
Fases do proxecto
O proceso de traballo para a definición e comercialización dos bonos de turismo rural, así como para a continuidade da colaboración entre empresarios e xeración de novas ideas, responde as seguintes fases:
- Fase 1: Deseño do produto turístico
- Fase 2: Configuración e metodoloxía
- Fase 3: Promoción e comercialización
- Fase 4: Continuidade
Conceptualizouse a idea do produto turístico, enfocando o Bono de Turismo Rural como unha alternativa de agasallo, de forma que o comprador e o consumidor final non tiñan por que coincidir. Decídese que as empresas constitúen o segmento de mercado obxectivo dos bonos, que utilizarán como obsequio a clientes ou traballadores.
Definíronse uns requisitos mínimos de obrigatorio cumprimento para a adhesión dos establecementos ao proxecto, co obxectivo é o de garantir un nivel de calidade homoxéneo en todas as casas. Posteriormente, as casas interesadas en darlle continuidade ao proxecto firmaron un convenio de colaboración e definiron os requisitos que deberían cumprir os establecementos interesados en adherirse con posterioridade.
Tras a definición, o deseño e a inicial posta en marcha dos bonos de turismo rural, concretáronse unha serie de puntos para axudar á comercialización, como é a creación da imaxe do bono, os instrumentos de comunicación e a labor comercial.
A continuidade do proxecto veu dada a través da xeración de novas ideas, da creación dun calendario de Google compartido polos establecementos e da creación dos Bonos de Turismo Rural Particulares (Bonos agasallo).




Anterior