Descrición
En Galicia, a tendencia á desaparición do comercio polo miúdo na zona rural era unha realidade. A Dirección Xeral de Comercio impulsou o proxecto para a Creación da Rede de Comercio Rural Galego, para redeseñar, modernizar e dinamizar os establecementos de comercio rural, co obxectivo de mellorar a competitividade das empresas comerciais do entorno rural galego, así como asegurar a continuidade da actividade, os empregos e os servizos á poboación.
A marca "Comercio Rural Galego" é consciente de que a calidade é un factor clave para a prestación dun servizo eficiente e de crucial necesidade para a supervivencia de calquera empresa, polo que, a través de exhaustivas auditorías aos establecementos adheridos garante uns estándares mínimos de calidade. A Rede de Comercio Rural pretende con isto a dignificación do sector comercial no rural.
O proxecto levouse a cabo en diferentes fases:
- 1. Diagnose da situación: Panorámica da situación dos establecementos comerciais do rural, así mesmo, analizáronse tamén os hábitos de consumo da clientela potencial.
- 2. Definición do modelo: Funcionamento da Rede e características que deben ter os establecementos comerciais para adherirse. Elaboración dos manuais de funcionamento do selo Comercio Rural Galego.
- 3. Difusión e formación: Campaña de sensibilización e difusión para poñer en coñecemento dos diferentes axentes do territorio a existencia e as fórmulas de funcionamento da Rede de Comercio Rural Galego.
- 4. Implantación e seguimento: A Rede de Comercio Rural Galego ponse en marcha con catro establecementos piloto. Realizouse a titorización e asesoramento personalizado preciso para a adhesión destes catro establecementos comerciais.
- 5. Convocatoria da orde de axudas para a adhesión á Rede de Comercio Rural Galego no ano 2008. Fíxose a captación de establecementos, avaliación dos mesmos e asesoramento para a convocatoria.
- 6. Seguimento e titorización no proceso de reforma, formación aos establecementos e auditoría de cumprimento dos requisitos da Rede.
Obxectivos
- A adaptación da oferta ás novas formas de consumo.
- Achegar ós establecementos as pautas de consumo do seu entorno.
- A mellora na calidade do servizo e atención ao cliente.
- A innovación comercial e xestión moderna.
- A atracción de novos clientes no comercio rural: visitantes e turistas.
- O deseño dun establecemento multiservizo no rural viábel.
- A coordinación e promoción conxunta dos establecementos.
Produtos xerados
Na páxina web da Rede de Comercio Rural Galego atópanse os manuais da Rede, o folleto informativo, e un vídeo que recolle o antes e o despois da adhesión á Rede dos establecementos piloto.




